|
|
 |
P R O P O S T A S E N M A T E R I A D E S E R V I Z O S S O C I A I S DESEÑO, PLANIFICACIÓN E DESENVOLVEMENTO DA POLÍTICA SOCIAL É preciso o deseño, planificación e desenvolvemento dunha Política Social Municipal real, integral e axeitada ás necesidades dunha gran cidade como Vigo, que indique claramente a dirección a seguir para acadar o horizonte do benestar social, que non sexa a irmá pequena das políticas municipais e, que polo tanto, estea dotada do adecuado orzamento que a sustente; dirixida por persoas coñecedoras da problemática social do noso municipio, preparadas e capacitadas para levala a cabo.
Unha Política Social que teña por obxectivos:
- Proporcionar oportunidades para a obtención da maior satisfacción posible dos cidadáns na súa vida cotiá. - Mellorar o benestar e a calidade de vida - Loitar contra a pobreza - Diminuír as desigualdades - Apostar pola inclusión
Unha Política Social que implique e comprometa ás distintas áreas de goberno municipais: benestar social, educación, cultura, saúde, vivenda …
Unha Política Social que favoreza a coordinación e o traballo conxunto coas Administracións Autonómica e do Estado.
Unha Política Social orientada ao desenvolvemento de toda a capacidade normativa das competencias que neste campo ten o concello.
Unha Política Social que dote aos Servizos Sociais de base dos recursos humanos e técnicos axeitados para prestar á poboación a atención personalizada que en cada caso se requira en condicións de calidade.
Unha Política Social que destine os suficientes recursos económicos para que poida prestar ás persoas unhas axudas económicas en consonancia coas carencias existentes e non limitadas e paliativas ou de subsistencia.
Diante do principio de universalización, creemos que son moitas as persoas que aínda creen que os Servizos Sociais soamente son para as persoas “pobres” e que son poucas as que percíbenos como unha posibilidade de desenvolvemento tanto persoal e familiar como comunitario; polo que se fai preciso unha Política Social que promova a comunicación e a sensibilización social para que a poboación coñeza os seus dereitos en materia de política social, así como os obxectivos, funcións e competencias dos Servizos Sociais Municipais.
MEDIDAS A FAVOR DAS FAMILIAS E PERSOAS EN SITUACIÓN DESFAVORECIDA OU RISCO DE EXCLUSIÓN - Faise precisa a creación de máis prazas en Garderías cunha adecuación de horarios e requisitos económicos para o acceso ás mesmas por parte das familias máis necesitadas, facendo especial fincapé en familias monoparentales ou con dificultades especiais. - Creación de Centros municipais de educación familiar. - Creación e xestión dun servizo municipal de apoio psicolóxico, para persoas con diferentes problemáticas. - Axilizar a tramitación e pagamento (cumprindo a normativa vixente) das Prestacións económicas (fundamentalmente a RISGA), asumindo a Administración local as axudas no tempo de demora da tramitación. - É imprescindible un bo deseño, aplicación e xestión dos Proxectos de inserción da RISGA e coordinación cos servizos pertinentes. - Crear dispositivos para a atención e subsistencia daquelas persoas que permanecen e/ou van permanecer en situacións de pobreza severa ou exclusión social. - Potenciar o servizo de axuda a domicilio ás persoas discapacitadas. - Realizar cursos de formación de profesionais para mellorar a capacidade de detección e intervención precoz en situacións de risco.
MEDIDAS A FAVOR DAS PERSOAS SEN TEITO OU SEN FOGAR - Construír un Albergue Municipal no que ademais de ofrecer xantar e aloxamento desenvólvanse programas orientados á inserción social destas persoas. - Crear un centro de acollida para parellas e familias en situación de urxencia. - Crear equipos multiprofesionales para a atención social na rúa. - Deseñar programas integrais para previr e evitar a mendicidade. - Facilitar gratuitamente ás persoas consideradas como transeúntes ou sen fogar, entrementres perdure a súa situación: transporte urbano, espazo para efectos persoais e equipamentos de lavabo persoal.
MEDIDAS A FAVOR DUN ACCESO Á VIVENDA - Intervir sobre as vivendas existentes que se atopen en mal estado, favorecendo a súa mellora e adaptación ás novas necesidades. - Modificar os principios económicos e urbanísticos que regulan actualmente as grandes medidas de políticas de vivenda, encamiñándoos ha facer universal o dereito constitucional de toda persoa a unha vivenda digna. O prezo actual da vivenda é inxusto, abusivo, discriminador e xerador de exclusión e debe ser reducido notablemente. - Incrementar os orzamentos en vivenda e aplicar as alternativas residenciais consolidando o réxime de aluguer. - Aumentar a oferta residencial aos grupos con maiores necesidades residenciais. ·Establecer medidas que favorezan o acceso ao mercado residencial aos novos fogares en formación, de tal maneira que os mozos poidan desenvolver o seu proceso de emancipación. - Establecer mecanismos de cooperación coas diferentes Administracións Públicas para facilitar o acceso á vivenda de persoas en risco ou situación de exclusión. - Establecer itinerarios graduais de acceso á vivenda partindo do aloxamento temporal ata a vivenda permanente axustados á necesidade e á situación de partida de cada persoa ou familia. - Apoiar programas de intermediación en alugueiros de vivendas. - Subvencionar o acceso á vivenda mediante axudas directas. - Reducir progresivamente ata a súa desaparición o chabolismo como sistema de provisión residencial.
MEDIDAS A FAVOR DAS PERSOAS INMIGRANTES - Acceso a aloxamento temporal, no Albergue Municipal e en pisos das persoas inmigrantes, tanto con papeis como sen papeis, mentres dura a súa situación precaria. - Formación específica para as Traballadoras Sociais e persoal de atención directa ás persoas inmigrantes. - Realización, publicación e divulgación dun estudo sobre a realidade das persoas inmigrantes en Vigo. - Establecemento dun programa de mediación, por nacionalidades (nun primeiro momento: tradutores-intérpretes) - Realización de cursos de lingua e cultura (española e galega) específicos por nacionalidades. - Ampliar as funcións da Oficina de Atención ao Inmigrante para que ademais das funcións de información realicen tamén as de acompañamiento, seguimento, asesoramento, orientación e formación laboral ... tanto aos regularizados como aos non regularizados. - Potenciar o traballo en rede coas diferentes organizacións que traballan coas persoas inmigrantes.
MEDIDAS A FAVOR DE PERSOAS DESEMPREGADAS - Apoiar e impulsar a colaboración coas ONGs para o emprego de persoas pertencentes a grupos de exclusión social. - Garantir aos perceptores da RISGA o acceso aos programas de inserción laboral. - Establecer programas intermedios de capacitación e adquisición de hábitos sociais e laborais para persoas cun alto nivel de desestructuración. - Crear centros integrais de emprego para persoas en risco ou situación de exclusión social, establecendo estruturas-ponte para o mercado de traballo en colaboración coas ONGs. - Favorecer a contratación pública das empresas que empreguen un número significativo de persoas en exclusión. - Promover a reserva de solo industrial para a instalación de empresas de inserción.
MEDIDAS A FAVOR DE PERSOAS ENFERMAS - Potenciar o desenvolvemento de programas de atención e acompañamiento para drogodependientes e doentes de VIH. - Crear equipos multidisciplinares ambulantes de atención sanitaria e psiquiátrica na rúa, mediante convenios con ONGs coordinados co sistema público sanitario.
|
 |